AGRUPACIÓN APÍCOLA DE GALICIA.

 

A Agrupación para o Desenvolvemento e Formación do Sector Apícola Galego, A.I.E., AGRUPACIÓN APÍCOLA DE GALICIA, creouse no ano 1999 co fin de levar a cabo un proxecto de desenvolvemento da apicultura de Galicia. Con ese fin uníronse as asociacións apícolas máis representativas da Comunidade Autónoma, que unificando esforzos iniciaron un programa de actuación co fin de modernizar as explotacións apícolas, fomentando métodos de produción compatibles coa conservación e mellora da natureza, e mellorando o medio ambiente ó ser a apicultura a actividade agraria máis ligada ó medio natural.

Asociacións que constitúen a nosa Agrupación:

  1. Asociación de apicultores da provincia de Pontevedra.
  2. Asociación Valdeorresa de apicultores.
  3. Asociación de Produtores e Comercializalizadores do Mel de Montaña.
  4. Sociedade Cooperativa A Queiroga.
  5. Asociación de Apicultores de Padrenda.
  6. Asociación de Apicultores da provincia da Coruña.
  7. Asociación de Apicultores da Provincia de Ourense.
  8. Asociación de Envasadores de Mel de Galicia.
  9. Asociación de Apicultores de Ferrol Terra.

O obxectivo da Agrupación para o Desenvolvemento e Formación do Sector Apícola Galego, A.I.E., é o desenvolvemento, dunha forma integral, do sector apícola en Galicia mediante a realización de análises, estudos e investigacións que contemplen a solución dos problemas existentes, ademais de labores de formación, cursos tanto de iniciación como de especialización nos diferentes aspectos da apicultura e as diferentes publicacións. En definitiva asesoramento e apoio ao sector apícola galego coa finalidade de activar e modernizar a nosa apicultura.

Os servizos que presta esta agrupación ofrécense a tod@s @s apicultores da na Comunidade Autónoma de Galicia. Na actualidade participan, xa sexa asesorándose, asistindo ós cursos, solicitando os servizos veterinarios ou analizando mel, abellas ou panais no laboratorio, a gran maioría dos apicultores rexistrados de Galicia.

OBXECTIVOS DA AGRUPACIÓN

  1. Desenvolvemento dunha forma integral do sector apícola en Galicia mediante a realización de análises, estudos e investigacións que contemplen a resolución dos problemas existentes, ademais de labores de asesoramento e reciclaxe de apicultores a través de cursos coa finalidade de activar e modernizar a nosa apicultura.
  2. Promover a apicultura como:
    1. un aval para o desenvolvemento rural e o equilibrio ecolóxico.
    2. unha ferramenta para a explotación dos montes.
    3. unha axuda contra os incendios forestais.

    As abellas son unha fonte de polinización, a súa importancia para o desenvolvemento rural e o equilibrio ecolóxico é moito máis importante que a súa produción de mel e outros produtos da colmea, xa que constitúen a base para a conservación e diversidade das plantas que dependen da polinización, o que contribúe a aumentar a produtividade de grande parte dos cultivos, aproveitando recursos que non son utilizados por ningunha outra actividade produtiva.

  3. Intentar profesionalizar o sector creando así postos de traballo e aumentando a produción.
  4. Fomentar un relevo xeracional moi importante para a apicultura de Galicia.

Con estes obxectivos comezou a nosa unión, das distintas Asociacións que  forman a Agrupación, no ano 1999,  ano no que solicitamos por primeira vez as axudas á apicultura, iniciándose unha serie de actuacións que continúan hoxe en día.

Unha vez coñecida a problemática do sector e de acordo cos obxectivos da Agrupación, establecéronse catro grandes liñas de actuación:

  1. Formación e asesoramento aos apicultores.
  2. Control sanitario das colmeas.
  3. Análises laboratoriais.
  4. Investigación.

agrupacion

 

entrada